C.M.V.M.C.D.

COMUNIDADE de MONTES VECIÑAIS

en MAN COMÚN de DARBO

Cangas do Morrazo

Historia
Xunta Rectora
Comisións
Aspectos Legais
Estado Natural
Textos Legais
Actividades
Galería de Imaxes
Material Didáctico
Enlaces
Contacto
Historia

A Lei 13/89 de Montes Veciñais en Man Común de Galicia e o seu Regulamento aprobado polo Decreto 260 en 1992 constitúen a normativa básica pola que se rexen as terras colectivas dos veciños. Definen aos montes veciñais en man común como propiedades de carácter xermánico e, xa que logo, caracterízaos como bens indivisibles, inalienables, imprescritibles e inembargables. Establecen a titularidade dos veciños e veciñas comuneiros entendéndoos, non como entes administrativos, senón como grupos sociais. Os montes veciñais son propiedade dos veciños independentemente da súa orixe, as súas posibilidades productivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria.

Os montes veciñais en man común son pois propiedades privadas pero colectivas. A copropiedade de cada veciño, sen asignación de cotas, está ligada á veciñanza a un determinado lugar ou parroquia e non pode ser transmitida en herdanza. Estas características, derivadas do seu carácter xermánico, son "outra forma de posuír" que temos os galegos e galegas.

Vistas panorámicas do Piñeiro (esquerda) e de Balea (dereita)

O Monte Veciñal en Man Común de Darbo, en virtude da Resolución de Clasificación do 15 de novembro de 1979 (Serra da Madalena, Varalonga, Castelo e San Roque) e 23 de setembro de 1992 (A Costa Santa Marta, Laxe de Milladoira, Franqueira, Barreiras e Anguieiro) do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da provincia de Pontevedra, pertence aos veciños da parroquia de Darbo no concello de Cangas do Morrazo, Partido Xudicial de Pontevedra.

A parroquia de Darbo, linda ao norte co concello de Bueu e as parroquias de Aldán e Coiro; ao sur coa ría de Vigo; ao leste coa parroquia de Santiago de Cangas e Coiro; e ao oeste coas parroquias do Hío e Aldán.

Os montes da parroquia de Darbo, iniciaron o expediente da primeira clasificación mediante a publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra co número 115 e data do 21 de maio de 1979. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, clasificou os citados montes, como Veciñais en Man Común en sesión do día 15 de novembro de 1979. acordo coa resolución do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, clasifícanse os “Montes de Darbo”, cunha superficie de 163 Has.

Actualmente a xestión e representación da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Darbo corresponde á Xunta Rectora, elixida en Asemblea Xeral celebrada o 11 de xullo de 2009, estando rexida polos novos Estatutos (adaptados á nova lei) aprobados en Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada o 21 de Maio de 2005. Na actualidade, o número de comuneiros é de 303 veciños.

© Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Darbo